26/3/09

Premios White Raven 2009

Despois do premio nacional de literatura infantil e xuvenil de Agustín Fernández Paz por O que queda é o amor e de que, hai dúas semanas, a Bienal de Bratislava seleccionara a obra de seis ilustradores galegos: Pinto&Chinto, Rodrigo Chao, Federico Fernández, Leandro Lamas e Enjamio o mundo da literatura infantil e xuvenil galega está novamente de noraboa porque tres libros de autores galegos foron seleccionados pola súa especial calidade para os premios White Raven 2009.

A Biblioteca Xuvenil Internacional de Munic (Alemania), centro de referencia á hora de valorar os libros de literatura infantil e xuvenil no mundo, destaca 250 títulos publicados no 2008 en 32 linguas e pertencentes a 48 países. Entre estes, tres son galegos: A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre de literatura xuvenil, O prodixio dos zapatos de cristal, de Xosé Antón Neira Cruz e ilustracións de Rodrigo Chao, e Fume, de Antón Fortes e ilustracións de Joanna Concejo.

Tamén aparece na lista outro libro dun autor moi querido polos nosos lectores, Alfredo Gómez Cerdá, Barro de Medellín, ilustrado por outro galego, Xan López Domínguez.

Felicidades a todos e a todas as premiadas e nós, a próxima semana, teremos na biblioteca O prodixio dos zapatos de cristal e Fume para que todos e todas os disfrutedes. Non deixedes de facelo. Haberá tamén outras novidades.


O prodixio dos zapatos de cristal é a adaptación do conto clásico A Cincenta musicado. Contén un CD coa narración de Teresa Santamaría e a música da Real Filharmónica de Galicia que interpreta a Cenerentola de Rossini.


En Fume unha voz infantil conta unha historia sobrecolledora que se completa cunhas expresivas ilustracións sen color de Joanna Concejo

No hay comentarios: