27/3/09

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

O 2 de abril, e desde 1965 a proposta do IBBY, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil para homenaxear e conmemorar o día do nacemento de Hans Christian Andersen. Con tal motivo o escritor e ilustrador exipcio HANI EL-MASRI deseñou o cartel e redactou a mensaxe titulada "Eu son o mundo" (tradución ao galego de Manuel Figueiras) dirixida a tod@s @s nen@as do mundo.

Para conmemorar este evento realizaranse varias actividades:

1.- A biblioteca escolar dispuxo un recuncho coa exposición dos fondos das obras de Andersen e os traballos que realice o alumnado sobre o tema.

2.- Enviou ás aulas información sobre este día e unha proposta de actividades

  • Explicar aos nenos e nenas o significado do día e algo da biobibliografía de H. C. Andersen.
  • Ler algún conto do autor. Dado que estamos co cine, pódese elixir un conto que teña película e pasala despois da lectura.
  • Realizar actividades de plástica sobre os contos lidos (debuxar personaxes…) e explicar o conto en verso ou en prosa…
  • Actividades do plan anual de lectura.

3.- En colaboración con GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), ao longo do xoves 2 e venres 3, desenvolveranse varias actividades de fomento da lectura:

  • Xoves 2: Taller de ilustración do alumnado de 3º de Educación Primaria con RODRIGO CHAO, ilustrador galego que ilustrou, entre outros, o libro de X. A. Neira Cruz, premio White Raven 2009 O prodixio dos zapatos de cristal .

  • Venres 3: Taller de escritura do alumnado de 6º de Educación Primaria coa escritora MAR GUERRA gañadora do premio Merlín 2009 coa novela Xenaro e o misterio da mochila verde.

Bolboretas de papel



Onte presentouse en Santiago o libro de poesía Bolboretas de papel de Antonio García Teijeiro. Tiven a ocasión de poder saudar e falar persoalmente con Antonio e foi un acto moi agradable. Ao final dedicouvos o libro a todos e a todas vós e xa está na biblioteca disposto para que o leades. Antonio dixo que nel engadira un novo ingrediente respecto aos anteriores, a ver quen se decata! Ánimo! Lese nun plis plas. Disfrutádeo!

26/3/09

Premios White Raven 2009

Despois do premio nacional de literatura infantil e xuvenil de Agustín Fernández Paz por O que queda é o amor e de que, hai dúas semanas, a Bienal de Bratislava seleccionara a obra de seis ilustradores galegos: Pinto&Chinto, Rodrigo Chao, Federico Fernández, Leandro Lamas e Enjamio o mundo da literatura infantil e xuvenil galega está novamente de noraboa porque tres libros de autores galegos foron seleccionados pola súa especial calidade para os premios White Raven 2009.

A Biblioteca Xuvenil Internacional de Munic (Alemania), centro de referencia á hora de valorar os libros de literatura infantil e xuvenil no mundo, destaca 250 títulos publicados no 2008 en 32 linguas e pertencentes a 48 países. Entre estes, tres son galegos: A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre de literatura xuvenil, O prodixio dos zapatos de cristal, de Xosé Antón Neira Cruz e ilustracións de Rodrigo Chao, e Fume, de Antón Fortes e ilustracións de Joanna Concejo.

Tamén aparece na lista outro libro dun autor moi querido polos nosos lectores, Alfredo Gómez Cerdá, Barro de Medellín, ilustrado por outro galego, Xan López Domínguez.

Felicidades a todos e a todas as premiadas e nós, a próxima semana, teremos na biblioteca O prodixio dos zapatos de cristal e Fume para que todos e todas os disfrutedes. Non deixedes de facelo. Haberá tamén outras novidades.


O prodixio dos zapatos de cristal é a adaptación do conto clásico A Cincenta musicado. Contén un CD coa narración de Teresa Santamaría e a música da Real Filharmónica de Galicia que interpreta a Cenerentola de Rossini.


En Fume unha voz infantil conta unha historia sobrecolledora que se completa cunhas expresivas ilustracións sen color de Joanna Concejo