A editorial Galaxia acaba de sacar ao mercado dous novos traballos da colección Sonárbore "Bicos de música" de Mamá Cabra, e "María Fumaça" para achegar a música aos máis pequechos e pequechas da casa.
Bicos de música.
O novo libro-CD-DVD de Mamá Cabra, "Bicos de música", da editorial Galaxia está ilustrado por Kristina Sabaite. Contén dez belas e alegres cancións para bailar, para choutar, para cantar, para aprender a cruzar, para viaxar con Simbad, para chuchar mel... para bicar. Un bonito agasallo para este Nadal!!!
María Fumaça.
A editorial Galaxia publica "María Fumaça: cantar e bailar para ser máis feliz", un álbum CD-DVD ilustrado por P. Pastor. Contén 24 letras cheas de vida e ledicia conducidas por unha teteira vermella que convida a tomar algo quente para nos esquecer do frío outonizo e invernal.
O libro gravita arredor de Ruí, un neno cunha parálise cerebral moi severa que, a pesar desa problemática, ten unha gran capacidade para gozar da vida. Temas musicais e vídeos coa participación de Uxía Senlle, Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco, Tanxarina Teatro, Quico Cadaval… Algúns dos vídeos foron elaborados con pictogramas para que os nenos con necesidades especiais poidan gozalo.
Un obxectivo marabilloso que dá gusto sentir nesta publicación: a discapacidade como aceptación nun ambiente festivo e optimista.